En decembro de 2022, fanse 30 anos da catástrofe do Mar Exeo. Cru pretende estabelcer un espazo de diálogo entre a traxedia e a veciñanza da Coruña co fin de “reflotar” unha realidade histórica, ambiental e social esquecida por algunhas persoas e aínda descoñecida por outras.
O proxecto está conformado por tres eixos: unha cartografía emocional, unha peza audiovisual e unha mostra.
Cartografía emocional
A cartografía emocional estase a levar a cabo no barrio de Monte Alto onde indagamos nas historias de vida de persoas que se puideron ver afectadas no decembro do 92 (emocional, social e/ou economicamente).



Peza audiovisual
A peza audiovisual xirará en torno a Emile Gireau, escultor francés afincado na Coruña, quen emprega como material da súa obra artística restos do buque que continúan polo litoral.
Mostra
A mostra terá lugar a partir do mes de decembro de 2022 no Aquarium Finisterrae da Coruña. Albergará os resultados da cartografía emocional que serán acompañados polas esculturas e a peza audiovisual protagonizada por Gireau, creando así un todo. Un imaxinario colectivo sobre as feridas que aínda hoxe continúan abertas.
Cru conta coa financiación do Concello da Coruña, a través dos Museos Científicos Coruñeses (Concellería de Cultura), e da Universidade da Coruña. Aínda así seguimos buscando fontes de financiación que queiran sumarse ao proceso. Por tanto, fores unha empresa, unha entidade ou unha persoa con sensibilidade e medios, contacta connosco e pregunta o que precisares.
