Zona Hadal
CASA PACO

CASA PACO

Casa Paco era o mítico ultramarinos que ocupou durante moitos anos o local número 37 da Rúa Travesa de Betanzos.

Zona Hadal emprega agora este coñecido escaparate para facer eco dos seus proxectos, visibilizar actividades culturais da cidade e realizar exposicións temporais de artistas locais e/ou doutras zonas de Galicia. O fin principal de Casa Paco é actuar como ponte entre a veciñanza e a cultura.

Podes consultar as seguintes exposicións e as datas nas que se levarán a cabo a través do Instagram ou Facebook de Zona Hadal.

MOSTRA ACTUAL

‘Ordem e progresso’ de Ara Romero

02 set – 30 set 2024

Ordem e progresso ilustra unha viaxe de case un ano por Brasil percorrendo cidades, vilas e comunidades. Na súa estancia de dous meses en Río de Janeiro, Ara achegouse ao Museo Nacional dos Povos Indígenas e foi alí, na única sala que se mantén aberta desde o goberno de Bolsonaro, onde atopou aquilo que levaba buscando desde a súa chegada: materiais para facer collage.


Unha serie de catálogos e panfletos sobre a historia, tradicións e artesanías dos povos tradicionais, xunto cun caderno comprado no barrio de Botafogo, resultan nesta exposición.


A colonización e a mercantilización das comunidades tradicionais son os eixos centrais desta serie que, facendo o camiño inverso, chega a Casa Paco para invadir o escaparate e amosar realidades aínda hoxe latentes.

MOSTRAS PASADAS

‘Bestiario betanceiro’ de Antón Taboada

09 ag – 31 ag 2024

Unha serie de fotografías en branco e negro que amosa unha colección de homes betanceiros “aburridos, bébedos ou colocados”.

No seu proxecto de escoita cidadá «E non era ouro: unha experiencia de cartografía emocional na cidade de Betanzos’’, Zona Hadal detectou varios patróns, necesidades e críticas entre as voces da veciñanza. Un dos máis evidentes era a lóxica ou “tríada”: falta de ocio cultural – opulencia da hostalaría – consumo de drogas.

Antón Taboada é o director da curtametraxe ‘L’archéologue’ (‘O Arqueólogo’), producido pola Asociación Sociocultural Zona Hadal. Ademais, realizou mostras fotográficas no Mercado das Luces (A Coruña), na Affordable Art Fair Milano (Milán) e na Galería Gaudí (Madrid).

‘Don’t mess around with terrible swans’ de Pablo Naire

21 mai – 01 xull 2024

Unha serie de obras en óleo pastel do artista Pablo Naire (Madrid). A selección de cores, os animais e as prantas achéganos a un ecosistema de aventuras visuais único.

Antigo alumno do Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC), abandona a capital e decide instalarse en Betanzos para continuar coa súa carreira profesional creando o estudo creativo ‘Río Río’ con dúas persoas máis no barrio da Ribeira.

‘Dramatización’ de Leandro Barea

01 abr – 30 abr 2024

Unha serie de ilustracións que amosa, a través da crudeza e a ironía, realidades cotiás. Cores vivas, trazos anchos e palabras directas que resumen á perfección sentimientos individuais e colectivos. Leandro Barea é un artista sen pelos na lingua e sen temblores na man cando se trata de representar aquilo que vivimos dunha forma acertadamente hilarante.

‘Collage terapéutico’ de Hurakán Alba

02 mar – 31 mar 2024

Recompilación de collage creados a partir de revistas, xornais e reflexións persoais da artista. En constante busca de (auto)coñecemento, estas obras actúan como artefactos que interpelan a quen os observa, convidándonos a entrar no seu proceso vital e así poder identificarnos con el, buscando o “propio” no “alleo”.

‘Pare’ de Hadrián Márquez

08 xan – 31 xan 2024

Mostra fotográfica da premiada serie (Xuventude Crea 2021), dun dos socios fundadores de Zona Hadal, que ten como protagonista unha cocheira de autocares abandonada, “parada”, e tomada pola natureza.

‘Arqueoloxías’ de Emile Gireau

01 dec – 31 dec 2023

Exposición de escultura conformada por diversas máscaras creadas a partir de restos de latón e ferro. Ducias de ollos mirando cara a rúa, devólvenlle a mirada ao público de Casa Paco. Gireau é o protagonista da curta documental ‘L’archéologue’, que pertenece ao proxecto de Zona Hadal ‘Cru: memoria coruñesa sobre o Mar Exeo’.

‘Lendas’ de Jorge Pérez

28 oct – 04 nov 2023

Unha serie de ilustracións que xira arredor das figuras mitolóxicas galegas como son a Santa Compaña, o Urco, o Sacauntos e a Lavandeira, entre outros. Unha mostra idónea para o Samaín. Jorge Pérez xa colaborou con Zona Hadal na banda deseñada do suplemento cultural Antolín Faraldo 2022.