E non era ouro: unha experiencia de cartografía emocional na cidade de Betanzos
Entre agosto de 2020 e setembro de 2021 realizamos na cidade de Betanzos un proceso de cartografía emocional coa intención de indagar sobre o pasado, o presente e o futuro da vila a través das voces da veciñanza.
Que é a cartografía emocional?
É unha metodoloxía que consiste na construción dun relato colectivo que visibiliza outra maneira de relacionarmos co territorio. A través dun mapeo lévase a cabo a acción crítica de imaxinar e poñer en práctica novos modelos de (re)produción do día a día. Todo mapa é unha representación ideolóxica e permite o diálogo co noso lugar.
Como indagar sobre a memoria?
Levando a cabo case cen conversas con veciñas e veciños, asociacións ou grupos políticos (sendo mulleres e homes maiores de 18 anos) para coñecer a realidade sen filtros. Destas entrevistas obtivemos unhas necesidades individuais e colectivas que se mostraron na exposición de maneira anónima, para así poñer o foco na problemática e non na persoa que a reclama.
Quen é o fío condutor?
En Betanzos os Irmáns García Naveira son verdadeiramente coñecidos mais a súa historia non o é tanto… Migraron para Arxentina de novos e voltaron anos despois para investiren na súa vila natal. É precisamente ese fenómeno da migración o que é protagonista da nosa cartografía. Indagamos sobre os destinos dos familiares que migraron na busca de oportunidades e o comparamos coa actualidade en que nós mesmas nos vemos afectadas.
Como o mostramos?
Expuxemos os resultados da cartografía (fragmentos das entrevistas), dous imaxinarios colectivos sobre a figura dos Irmáns García Naveira, unha peza audiovisual composta en relación aos lugares dos que as persoas falaron (ben por ter vínculos afectivos con estes, por estar en mal estado, en desuso…), música orixinal e ambientación correspondente aos diferentes momentos cronolóxicos dun Betanzos que xa non existe, que hoxe si e que non se sabe que será del.
As persoas betanceiras e aquelas curiosas que quixeron achegarse á mostra, puideron facelo durante os vinte días que estivo aberta en setembro no Antigo Matadoiro, ubicado no Barrio da Ribeira.
Como fixemos eco?
Xa que as limitacións económicas eran un feito durante o proceso, voltamos á maña de realizar a difusión por carta. A partir das entrevistas feitas, creamos historias de vida que chegaron ás casas da veciñanza cunha nota que convidaba a comunidade a achegarse ao Antigo Matadoiro. Ademais, pegamos pola vila, en lugares en desuso, en mal estado, postes, farois… Cartaces cun signo de interrogación e un código QR que levaba directo ao trailer da peza audiovisual e xogaba co misterio que sería resolto ao acudir á mostra.
A partir do mes de outubro, comezamos a realizar proxeccións e coloquios coa peza audiovisual ás costas para falar das problemáticas que existen en Betanzos pero que se poden observar en calquera lugar de Galicia. Acudimos a librarías, asociacións, cines, casas tomadas etc., das cidades de A Coruña, Betanzos e Santiago de Compostela.