Contexto do proxecto
No 2022 celébrase o 200 aniversario do nacemento do betanceiro Antolín Faraldo Asorey, importantísima figura da historia política galega, representante do rexionalismo decimonónico, incansable teórico e exemplo maiúsculo da posta en práctica dos ideais progresistas do momento como líder da Revolución de 1846.
O aniversario de Faraldo non debería quedar no esquecemento nin ser marxinado do foco de interese cultural da veciñanza actual da vila mariñá. A súa figura debe ser popularizada e, desde Zona Hadal, quixemos sumarnos a ese labor.
“O noso desexo sería que formando a parte máis sinxela da educación, a historia fose a conversa do pobre e o libro do pobo: ela ensinaríalle as súas necesidades e o medio de satisfacelas, porque os anáis da humanidade son unha inscrición de mármore que nos destrúen os tiranos…”
Antolín Faraldo
Un suplemento de prensa
Unha das facetas máis coñecidas de Antolín é a de xornalista e teórico político. Trátase dun persoeiro que amaba a palabra escrita e era consciente do seu poder e da súa pegada inmortal.
Nos tempos que corren, as redes sociais son unha gran ferramenta de difusión de información a todos os nivéis e, por suposto, no ámbito local. Pero en Betanzos continúa a ser a palabra impresa, precisamente, a que segue a informar aventaxadamente a través do periódico local que todos os meses publica a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos (ACEBE CCA). Betanzos e a súa comarca ten unha tirada de 10.000 exemplares mensuais de media.
Logo a pregunta era obvia: o máis xusto non sería dar a coñecer a Antolín Faraldo á veciñanza por medio dun suplemento que acompañe ao seu periódico? Zona Hadal comprometeuse a realizar e xestionar, dende maio ata outubro de 2022, un suplemento sobre a figura de Antolín Faraldo, financiado polo Concello de Betanzos, para distribuír co periódico de ACEBE (asociación colaboradora do proxecto).
Idiosincrasia do suplemento
Tanto o Concello de Betanzos como a Deputación da Coruña levarán a cabo en 2022 accións culturais coa pretensión de dar unha visión máis “profunda” e intelectual da figura de Faraldo. Pero isto, aínda que necesario, só chega e só interesa a un público con determinadas inquedanzas e características. Por iso é imperativa unha acción paralela cun alcance máis masivo e cun achegamento máis “amable”.
O suplemento que Zona Hadal materializará ao longo do ano é unha publicación curta e cuns contidos que funcionarán a modo de pílulas informativas sobre Antolín. Preténdese crear interese sobre o persoeiro e non desbordar ao público cun exceso de datos nin con información pouco accesible a calquera tipo de lectoras e lectores. Non se trata dunha proposta pouco ambiciosa; polo contrario, trátase dunha proposta xusta e axustada.
No suplemento, o público de Betanzos e a súa comarca atopará contidos concisos, breves e variados: artigos sobre Faraldo, fotografías, ilustracións, recomendación culturais, curiosidades sobre a súa figura, entrevistas a persoeiros que teñen relación coa temática ou coa celebración do aniversario e textos do propio Faraldo. Ademais, as contraportadas ofrecerán un calendario de actividades inscritas no Ano Antolín Faraldo 2022 tanto neste Concello como noutros. Para alén disto, as portadas, ao seren dispostas xuntas, formarán un crebacabezas que todas as betanceiras e betanceiros poderán enmarcar e colgar na parede para estar acompañadas e acompañados do seu veciño Faraldo.






Colaboracións nos contidos
Non só forma e contido son parte do “contido xeral” deste suplemento. A autoría do mesmo e das súas seccións engade algo máis ao proxecto. Tanto Zona Hadal (asociación sociocultural formada e conformada por mulleres e homes que naceron, viven ou traballan en Betanzos) como as persoas colaboradoras escollidas para a creación de moitos dos contidos da publicación forman parte da mocidade e xuventude do Betanzos actual. Ao fin e ao cabo, isto rima coa figura a homenaxear, que non deixa de ser un home xove, que morreu xove e que unha vez mirou desafiante ao futuro do país.